Resumiño do Pleno ordinario de xuño de 2017

Este pleno de xuño foi tranquilo ata que a marea local tratou de debater por vía de urxencia unha proposta sobre a Risga. O PP empregouse con virulencia para tratar de bloqueala, lamentablemente o PSOE entrou no xogo sen coñecer as regras básicas de funcionamento do Pleno. A marea local debe denunciar unha vez máis a lei do embudo que aplica o PP, ignorando as regras básicas da lei.

CONVOCATORIA DO PLENO DE XUÑO

Parte resolutiva

1.- Aprobación se procede de acta de sesión anterior. Febreiro 2017. TODOS A FAVOR

2.- Convenio de colaboración entre o Concello de Cabanas e o Club Juventud de Cabanas. Todos a favor.

3.- Solicitude subvención Plan de mellora dos camiños municipais. TODOS A FAVOR

4.- Proposta concelleiro BNG sobre o Plan de Mellora dos Camiños Rurais. REXEITADA

5.- Ratificación resolucións Alcaldía.

a) Requirimento documentación empresa proposta para execución sentenza recurso contencioso-administrativo 02/0004055/1993 do edificio O Penso 2° fase. (Asunto incluído sen pasar por Comisión) A favor: PP, PSOE e AEC; Abstención: BNG; En contra: Marea

O alcalde non contestou ás cuestións expostas pola marea local sobre o asunto, xogou ao gato e o rato coma sempre.

Intervencións sobre este punto e sobre a moción de urxencia.

;

 

Parte de control órganos da Corporación.

8.- Informes da Presidencia.

Resolucións da Alcaldía

9.- Moción de urxencia de PDDdG sobre Renda de Inclusión Social de Galicia. Aprobada a urxencia e a proposta cos votos en contra do PP.

Moción de urxencia sobre a Renda de Inclusión Social de Galicia
A crise consolidou en Galiza un modelo que afondou nas desigualdades e na exclusión social: aumentaron os niveis e a duración do desemprego, aumentou a precariedade laboral e reducíronse os ingresos por fogar.
A taxa de risco de pobreza e exclusión chegaba en 2015 case ao 26% e a porcentaxe de persoas en exclusión material severa era do 4,2%, tendo aumentado durante a crise. O risco de pobreza e exclusión social é meirande entre familias monomarentais (53%), mocidade de 16 a 29 anos (36,4%) e menores de 16 anos (35,4%) – datos de 2014.
Se a pobreza severa afectaba en 2015 132.000 persoas, a RISGA foi percibida ese mesmo ano por 3.848 persoas (datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade).
Ademais, a RISGA é unha das rendas máis baixas do Estado (399 €/mes) e con menor cobertura (4,4 persoas beneficiarias por cada 1000 habitantes).

En consecuencia, o Pleno ACORDA instar á Xunta a:
1. Elevar en 2018 a dotación da RISGA, co obxectivo de igualala, cando menos, á media do conxunto do Estado, simplicar a tramitación e regular os tramos de inserción e transición ao emprego.

10.- Rogos e preguntas.

Preguntas orais

  1. No Pleno de febreiro preguntámoslle polas medidas de impulso do emprego e da empresa local que estaba a realizar o concello entre outras cousas porque comprobamos como fronte á tendencia de crecemento do resto de Galicia, en Cabanas decrece o emprego acusadamente entre un -5% e un -14,9% segundo o publicado pola Voz de Galicia. O último dato de desemprego achega un incremento de cinco persoas no mes de maio, o último dato oficial dispoñible. En febreiro expuxo unhas liñas escasamente efectivas e concretas, e nese sentido demandámoslle que explique: Como vai corrixir o goberno local este decrecemento no emprego con accións concretas, tanto para persoas desempregadas como para emprendedoras?
  1. En canto ao soterramento de liñas de alta tensión non vemos continuidade cara ao Barreiro de actuacións xa feitas no colexio Eladia Mariño e comprobamos como o goberno local está instalado na parálise. O goberno local ten previsto promover o soterramento da liña de media tensión cara ao Barreiro?
  1. Comprobamos que de arredor do lavadoiro e fonte de Carballo se están a facer movementos de terras. Ten coñecemento o goberno local destas actuacións e que vai facer para protexer a fonte pública?
  2. O concello dispón de aparatos de exercicio físico, cintas, bicicletas e unha elíptica. Estes aparatos atópanse sen uso no pavillón do colexio. Foron inventariados como bens municipais e vailles dar uso o concello?

Suxestión oral

Advertímoslle da situación da Casa do Pino no Areal, á situación calamitosa dunha balconeira e do beiril sumouse a posible caída das tellas sobre a beirarrúa. Sobre os informes pendentes da Casa de Xan Ares non tivemos novas ningunhas e iso que a propietaria remitiu un escrito ao concello. Suxerímoslle ao goberno local que adopte as medidas necesarias para evitar danos a terceiros.

Pregruntas escritas

  1. En relación ao uso das beirarrúas para mesas e cadeiras de locais hostaleiros. Pódenos dar unha explicación das actuacións que realizou o goberno local desde o mes pasado?
  2. Polo que respecta á obra de “reparación de colector de augas pluviais” (sic) no Areal, inda que por alí arrecende a augas afectadas negativamente por influencia antropoxénica. Poderíanos aclarar por que procedemento se contratou? Cal foi a contía de adxudicación? Houbo algún problema no desenvolvemento das obras? Cando teñen previsto rematar a reparación?
  3. Sobre o servizo de abastecemento de auga e á vista da seca prolongada que sufrimos nos primeiros seis meses de 2017. Que resultados presentan as últimas analíticas das captacións de Ventín e Fonfría? En que nivel de capacidade se atopan ambas as captacións? Cando prevé resolver a ausencia de auga pública en Laraxe, cunha infraestrutura que ten seis anos de antigüidade e que ata hoxe non serviu nin unha pinga de auga?
  4. Patrimonio cultural achegou un informe sobre o hórreo de Cardeita co que arramplaron as obras de construción dos chalés de Isla Mourón SL. A situación do Patrimonio cultural co goberno actual é de abandono absoluto da protección e ningunha revalorización. Que medidas concretas de posta en valor e protección levou a cabo cos bens culturais catalogados no presente ano?
  5. Malia a reivindicarmos en maio a convocatoria do posto de capataz interino, atopámonos un mes despois con que o alcalde segue varado na ribeira. Contrata capataces por uns meses pero a continuidade que require o posto segue no aire. Que previsións teñen para rozar os camiños transitados a diario polos veciños? Que servizos de roza externos contrataron e a canto ascenden as adxudicacións?
  6. A situación do CEIP Eladia Mariño de Porto en canto a dotación de servizos básicos que viña prestando o concello é un desastre. A empresa que realizaba a limpeza quedou en situación alegal ao advertirse un contrato irregular, e o operario de servizos múltiples renunciou ao posto que lle correspondía por superar a oposición. Poderíanos explicar que medidas concretas vai adoptar o goberno local para resolver a situación dos servizos de limpeza e servizos múltiples no colexio?
  7. Logo de interesarnos polo PXOM e comprobar como o documento se cociña en viaxes a administracións para resolver pelotazos urbanísticos que se antepoñen aos intereses xerais da cidadanía, volvemos requerirlle transparencia coas nosas preguntas malia a que as deixa sen contestar. Mediante que procedemento, cando, a quen e por que contía contratou a adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal á Lei do Solo de 2016? Que motiva que non convoque a Comisión para tratar a aprobación provisional do PXOM malia a que a documentación está entregada o pasado 9 de xuño?
  8. Sobre o Punto de Atención á Infancia. De cara ao ano vindeiro está prevista a continuidade do servizo?
  9. Sobre a praga da pataca e logo de escoitarlle as típicas respostas absurdas propias dun avogado das silveiras, insistimos. Pediulle á Xunta información sobre a expansión da praga en Cabanas? Coñece os datos oficiais de patacais arrincados no Concello?

Suxestión escrita:

  1. No pasado pleno de maio lle advertimos por queixas veciñais que a Demarcación de Estradas do Estado rozou as marxes da N-651 e que falta visibilidade na saída do cemiterio de Laraxe á N-651. Tamén lle preguntamos polas distancias das árbores a viais públicos e recibimos coma sempre a resposta de quen ten pouca ansia de facer o seu traballo. Á vista do perigo da situación, suxerimos que o concello se dirixa á Demarcación de Estradas do Estado para que corte as árbores que impiden a visión dos vehículos de baixada da N-651 á altura do cemiterio de Laraxe ao atoparse na franxa de seguridade contra o lume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *