Resumiño do Pleno ordinario de xullo de 2017

Pleno de verán, sen sobresaltos e coa habitual batería de preguntas da marea local sobre asuntos de actualidade como a desprotección da zona de baño (o pp incumprime a proposta de 2016), nova asesoría de prensa a dedo, deficiencias na execución da demolición do Penso, destino de tubos municipais de saneamento, etc.

CONVOCATORIA DO PLENO DE XULLO

Parte resolutiva

1.- Aprobación se procede de acta de sesións anteriores. Marzo 2017. Extraordinario de xullo de 2017. TODOS A FAVOR

2.- Moción sobre cidade amiga da infancia. TODOS A FAVOR

Proposta do PP para encadrar nun selo de Unicef as actividades programadas pola corporación local. Non require gasto ningún. O concelleiro da marea pediu que estas actividades vaian máis alá do papel.

3.- Creación de ficheiros de datos de carácter persoal. TODOS A FAVOR

Culmínase o proceso de inscrición dos ficheiros de datos de carácter persoal do Concello de Cabanas na Axencia Española de Protección de Datos.

Parte de control órganos da Corporación.

4.- Informes da Presidencia.

Decretos da Alcaldía

Informe trimestral PMP

Informe trimestral execución orzamento

Informe da concelleira de servizos sobre campaña velutina

5.- Rogos e preguntas

Orais

– Contrato de comunicación, terceira asistencia técnica do staff da alcaldía. A quen, como e en que contía foi adxudicado o contrato de servizos para comunicación?

– Recibimos queixas sobre a delimitación da zona de baño no areal da Madalena, a zona de praia é ata a marea baixa e na zona máis próxima á Penela coa baixada do mar non dá nin para mollar as pernas. Son conscientes no goberno local de que non se cumpren os 200 m de zona de baño?

– Comunicáronnos veciños do bloque 1 do Penso que quedaron problemas pendentes de solución malia a que este concello está a certificar as obras. Que medidas vai adoptar o concello para solucionar estas eivas comunicadas por escrito polas persoas afectadas?

– As obras que desenvolve a Xunta na antiga estrada das Pontes, oficialmente rúa do Concello, están a demorarse especialmente pola retirada coidadosa e demorada das tubaxes municipais de Saneamento municipal, que saen enteiras e son coidadosamente transportadas a unha finca privada. Está a doar gratis o concello estes bens municipais?

 

Suxestión: Tractor limpa a praia con marea alta

Suxestión: niño de velutina no Pereiro, na zona máis próxima ao vial a Fonfría, nunha árbore alta.

Suxestión: Limpeza da entrada desde a Autopista en Lamelas e reparación do barco da rotonda.

Escritas

PREGUNTAS

  1. Veciñas achegáronnos a súa preocupación pola concentración de caravanas na zona da praia. Que medidas realiza o goberno local para controlar o aparcamento de caravanas na zona da Madalena?
  2. Atopamos informacións contraditorias sobre a “reparación de colector de augas pluviais” no Areal, xa que hai un documento técnico de 2016 que o identifica como parte rede de saneamento. A nosa dúbida é que van conectar á rede de saneamento augas pluviais ou augas residuais?
  3. Recibimos queixas polas novas denominacións de rúas, camiños, etc. Cambiaron por exemplo a denominación da Rúa da Igrexa en Cabanas por Rúa do Atallo, partes do Chao da Aldea agora son As Modias, As Modias chámase agora igual ca un núcleo de Limodre-Fene, rúas que aparecían en documentación local desde comezos do século XX desaparecen, a pesar de vivir nun núcleo rural sen practicamente construcións novas, a casa onde nacín ten números para encher unha aposta da Primitiva, o núcleo rural de Traseiras desapareceu e agora todo se chama Balvís. En fin, que non me chegaría este Pleno nin o tempo que houbo nas xuntanzas que trataron este asunto para enumerar a cantidade de trapalladas que argallaron. Por outra banda, temos constancia da existencia de recursos de reposición ao rueiro municipal que non foron achegados á Comisión de Asuntos de Pleno de Pleno para o seu estudo, mentres o goberno local enviou ao Catastro un CD, aplicando a política de feitos consumados. Que valoración lle merecen os recursos de reposición ao rueiro municipal? Cando ten previsto trasladalas para o seu debate no Pleno? Sigo insistindo, a quen lle preguntaron para facer tantas barbaridades coa toponimia?
  4. Os postos de socorrista para a praia de Cabanas este ano atrasáronse máis do debido e a praia estivo sen servizo varias xornadas sen que o goberno local achegase ningunha explicación pública. Que motivou o atraso na provisión dos postos de socorrismo? Que medidas vai adoptar o goberno local para evitar que se repita esta situación de cara a 2018? Houbo algunha renuncia?
  5. Na zona da Veiga o Concello pechou o acceso a propiedades privadas e polo que puidemos saber algún membro do goberno local se dedicou a repartir copias da chave do portal. Cremos que esta práctica se estende a outras dependencias municipais. Pódenos detallar o goberno local a quen lle entrega copias das chaves de portais ou dependencias municipais? En canto ao acceso aos terreos da Veiga, ten previsto resolver a situación ou está agardando a unha denuncia xudicial?
  6. O 29 de xaneiro de 2014 celebrouse unha Xunta de Goberno local onde o alcalde se ausentou da votación dunha regularización da nave propiedade da empresa do rexedor en Laraxe que saíu adiante cun informe técnico feito nesa mesma mañá. Esa mesma tarde os votos do grupo municipal do PP aprobaban o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Poderíanos explicar en que situación se atopa a nave da súa empresa en Laraxe? Cumpre todas as normativas?
  7. O pasado día 21 de xullo recollín en servizos xerais un CD que contén documentos do Plan Xeral de Ordenación Municipal para aprobación provisional. O CD contén toda a documentación do expediente para aprobación provisional polo Pleno? Se non é así, que documentación non achegou?

SUXESTIÓNS

  1. No parque do Concello, xa chegando a Lousido, comprobamos que dous piñeiros de fóra non cumpren a normativa de distancias a viais do propio Concello, suxerimos que adopten as medidas previstas na ordenanza.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *