Resumiño do Pleno ordinario de setembro de 2016

No pleno ordinario do mes de setembro, tratouse a Conta Xeral do ano 2015. O concelleiro, Xosé Manuel Pérez Sardiña, tomou en serio este asunto un ano máis e foi máis aló das xeneralidades para atacar a base do goberno do PP en canto a privatización de servizos, abuso das contratacións directas sen pasar por administración arredor das eleccións locais e algunha irregularidade de difícil explicación que se debe desenguedellar.

Ao final do Pleno, as veciñas fixeron preguntas sobre o estado das beirarrúas por detrás do Penso que meten auga nos piares do edificio (no intercambio de impresións acusaron ao alcalde de ameazalos con que ía quedar peor por non deixar colocar a grúa nun terreo próximo). Interesáronse por como queda a cuberta do edificio do Penso, cualificándoa de “chabolo”. Preguntaron pola licenza do edificio en canto rematen as obras de derruba do Penso. Están no seu dereito.

Parte resolutiva

  • 1. Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Non houbo.
  • 2. Conta xeral exercicio 2015. APROBADA só cos votos do PP.
  • Escoita a intervención do concelleiro de Somos Cabanas
  • O concelleiro de Somos Cabanas acusou ao PP de empregar fondos públicos para influír no voto nas eleccións, posto que na revisión que fixo da activade contable de 2015 atopou facturas menores de subministración de materiais, como cemento, tubos, etc con orixe nos meses de abril e maio de 2015, xusto antes das eleccións locais. Xosé Manuel entendeu estes gastos como destinados a influír no voto con pequenas chapuzas.
  • Así mesmo criticou o fracionamento de facturas para dar a dedo obras e mantemento, sen sacalas a concurso público. Tamén detectou na revisión que fixo das facturas municipais sobre labores de mantemento básico, facturas que non ían acompañadas de memoria técnica ou certificación técnica municipal de que foran efectivamente executadas, unha eiva importante que puxo de manifesto durante a súa exposición.
  • Segundo o concelleiro da Marea, “a Conta Xeral continúa a ter os mesmos vicios ca a de 2014, parece que non perderon a maioría absoluta e non fixeron caso das advertencias que presentei o ano pasado”.
    • A favor: PP (5).
    • En contra: BNG, Somos Cabanas (2)
    • Abstención: PSOE, AEC (4)
  • 3. Modificación ordenanza fiscal prezo público actividades socio-culturais, deportivas e recreativas. Todos a favor (11). APROBADA.
  • O goberno local propuxo incluír as actividades de conciliación de Mencer na Casa, no CEIP Eladia Mariño, na ordenanza de actividades culturais e deportivas. Co fin de non perder esta contribución á conciliación que pasa a asumir o concello, Somos Cabanas votou a favor.
  • 4. Proposta estatutos Asociación Concellos Camiño Inglés. Todos a favor (11). APROBADA.
  • Despois de moitos anos acaba de materializarse unha proposta de asociación de concellos do Camiño Inglés. Criticamos as deficiencias no mantemento do camiño que veñen causadas tanto polo abandono do concello coma na Xunta de Galicia. A ponte do Batán segue nun estado lamentable malia a reclamar os veciños a súa reparación.
  • 5. Proposta de festas locais para 2017.
  • A corporación por unanimidade acordou establecer como festivos locais o 20 de febreiro, martes de Antroido, e o 30 de novembro (Santo André) 
  • 6. Expediente de responsabilidade patrimonial por execución sentenza O Penso 1ª fase. APROBADO
  • Escoita a exposición do concelleiro de Somos Cabanas
  • O concelleiro de Somos Cabanas manifestou unha serie de obxeccións sobre as indemnizacións que non estaban claras nun proxecto que “ten máis versións ca o sistema operativo de Windows” e inda achegaron un papel o día antes ao pleno. Tamén detectou deficiencias que non foron corrixidas malia a seren advertidas na documentación o que obrigou a abstención á vista dunha xestión política moi deficiente do expediente. As cantidades que poidan percibir as persoas afectadas veranse afectadas pola suba do IRPF do goberno de Rajoy ao non chegar a un acordo xudicial.
    • A favor: PP, PSOE  (8).
    • Abstención: BNG, AEC, Somos Cabanas (3)
  • 7. Agrupación permanente dos concellos de Cabanas e de Pontedeume para a solicitude de subvencións.
  • Xosé Manuel Pérez Sardiña observou na proposta eivas como a maior carga de traballo de xestión para o persoal municipal sen prever reforzo inmediato. Ademais considerou máis beneficiosas a xestión de servizos comúns con outros concellos e que esta agrupación limitaba as posibilidades de Cabanas.
    • A favor: PP, PSOE, BNG e AEC  (10).
    • Abstención: Somos Cabanas (1)
  • 8. Apoio á plataforma de vítimas do Alvia 05155. Moción BNG. APROBADA
  • Somos Cabanas apoiou a moción.
    • A favor: PSOE, BNG, AEC e Somos Cabanas (6)
    • En contra: PP (5)
  • 9. Contención da vespa velutina. Proposta AEC. APROBADA
  • A néspora asiática require esforzos especiais para as administracións locais e neste sentido votamos a favor da proposta de Eva García. Requirimos do goberno local que se cumpran os protocolos de retirada máis efectivos e mais que se dote o persoal de medios suficientes para evitar accidentes. Tamén criticamos o emprego de insecticidas que non dan resultados e mais traxes que poden ser atravesados polos ferróns das nésporas.
    • A favor: PP, PSOE, BNG, AEC e Somos Cabanas (11).
  • Parte de control órganos da Corporación
  • 10. Informes da Presidencia
  •  Resolucións da alcaldía
  • Liñas fundamentais do orzamento para 2017
  • 11. Rogos e preguntas. Somos Cabanas: 4 preguntas e 2 Suxestións
  • As suxestións son propostas directas ao goberno, segundo o artigo 97.6 do ROF. Realizamos propostas e iniciativas de control por indicación dos veciños e asociacións.
  • Escoita as preguntas do voceiro da marea local
  • Preguntas orais (4)
  • 1. Quixemos aclarar como o alcalde ocultou o informe do arquitecto municipal sobre o proxecto do Ministerio de Fomento.
  • 2. Preguntamos novamente polo atraso nos informes da Casa de Xan Ares.
  • 3. Preguntamos polo gasto de 2310,58 € en publicidade e propaganda. Pasapalabra.
  • 4. Polo avance nos traballos de execución da sentenza do Penso 1ª fase.
  • Suxestións orais (2)
  • 1. Suxerimos  a actuación do concello na baixada das Viñas e no Barreiro para solucionar os problemas de reborde do saneamento.
  • 2. Suxerimos que o concello elabore un informe sobre afeccións da nova Lei de estradas do Estado aos núcleos do concello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *