Resumiño do Pleno ordinario de outubro de 2016

No pleno ordinario do mes de outubro, aprobáronse as modificacións das ordenanzas de rodaxe (IVTM) e contribución (IBI), parte delas impulsadas por Somos Cabanas, e mais o proxecto de derruba da 2ª fase do edificio do Penso. Somos Cabanas volveu tomar a iniciativa nestes asuntos e foi quen de desenmascarar o discurso do goberno local do PP en canto ao recorte de dereitos e a transgresión da lei.

A participación veciñal ao remate do pleno consolidouse unha sesión máis e as veciñas fixeron preguntas sobre a dotación de auga a Laraxe e sobre o Penso. O alcalde, como é habitual, eludiu contestar. As veciñas exercen o seu dereito.

Parte resolutiva

  • 1. Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Aprobadas por asentimento.
  • Actas do 29 de xuño 2016 e 27 de xullo 2016
  • 2. Modificación ordenanza fiscal IVTM (Rodaxe). APROBADA.
  • Proposta de Ordenanza da rodaxe
  • A proposta de Somos Cabanas aprobada polo conxunto do Pleno en abril de 2016 para recuperar a exención a persoas con diversidade funcional superior ao 33% sen impedimentos saíu adiante. A ilegalidade da redacción da ordenanza foi denunciada por Somos Cabanas e agora queda pendente da exposición pública e entrada en vigor para o vindeiro 2017. Esta modificación vai facer xustiza coas persoas deste colectivo que nos últimos anos tamén se viron prexudicadas polo recorte de dereitos sociais do Partido Popular. Na nosa localidade, son bastantes as pensións que sosteñen familias afectadas pola crise.
  • A outra modificación da ordenanza, polo momento con fin máis propagandístico ca real, é a bonificación a vehículos eléctricos e híbridos. Polo que puidemos consultar, o número de vehículos bonificados será anecdótico.
    • A favor: PP, PSOE, AEC, Somos Cabanas (10).
    • Abstención: BNG (1)
  • 3. Modificación ordenanza fiscal IBI (Contribución). APROBADA.
  • Proposta de Ordenanza da contribución
  • As propostas de modificación de Somos Cabanas bloqueadas en xuño de 2016 co voto en contra do PP e a abstención do PSOE para bonificar nun 95% a contribución do sector naval ou do sector primario, nun 50% a contribución das casas con instalacións solares e a bonificación de casas declaradas bens de interese cultural saíron adiante parcialmente.  O alcalde non chamou en setembro para falar destas propostas tal e como se comprometera. Como consecuencia, quedou fóra a protección do patrimonio cultural de Cabanas das modificacións e rebaixou ao 30% a bonificación a vivendas con instalacións solares.
  • Ademais, incluíuse a bonificación de familias numerosas proposta por Eva García en plenos anteriores. Por último, farase realidade o anuncio propagandístico que fixera o PP nas eleccións de 2015 para bonificar a contribución das propiedades do parque natural das Fragas do Eume, dous anos despois de prometido.
    • A favor: PP, PSOE, AEC, Somos Cabanas (10).
    • Abstención: BNG (1)
  • 4. Proxecto técnico obra execución sentenza recurso contencioso – administrativo 02/0004055/1993, edificio O Penso 2ª fase. APROBADO.
  • Informe do arquitecto municipal (24 de agosto de 2016)Informe do arquitecto municipal (7 de outubro de 2016). Informe da asistencia xurídica externa (17 de outubro de 2016)
  • Como antecedentes, na Comisión de Asuntos de Pleno do pasado setembro Xosé Manuel Pérez Sardiña anunciou o seu voto en contra mentres non houbese informe do arquitecto municipal que determinase se o proxecto cumpre a sentenza á vista do informe insuficiente de 24 de agosto.
  • Feito o informe técnico municipal neses termos con data de 7 de outubro, non se puido consultar ata a convocatoria da Comisión, con nulo diálogo por parte do goberno do PP. E con estas présas, incluíuse o proxecto de derruba novamente para ditame da Comisión Informativa de Asuntos de Pleno de outubro. O concelleiro de Somos Cabanas, a pesar de asistir de oínte, solicitou a lectura das conclusións técnicas antes da deliberación e votación: “(…) o proxecto técnico (…) non se adaptaría ao contido do fallo da sentenza (…) sen prexuízo [de que] (…) o referido proxecto técnico si podería adaptarse á ordenanza D (…), en circunstancias normais, (…)”.
  • A claridade das conclusións técnicas é incontestable, e apesar da lectura do informe técnico municipal os membros da comisión votaron a favor sen ningún tipo de reflexión nin reparo.
  • Antes de iniciar o debate no Pleno, Xosé Manuel Pérez Sardiña volveu solicitar a lectura en alto das conclusións do informe técnico. A sentenza xudicial é firme e de obrigado cumprimento para o Pleno. É de salientar o informe xurídico parcial, que non se pronuncia sobre o cumprimento da sentenza. Así, apreciamos en toda a súa crueza a confusión que o alcalde logrou crear na oposición para saírse coa súa e prexudicar o concello e os veciños afectados.  Neste momento, a interpretación legal das Normas Subsidiarias para aplicar nesta edificación é a da sentenza, estamos diante de circunstancias excepcionais que o informe do asesor xurídico ocultou.
  • Aquelas boas palabras de corrixir erros para a segunda fase quedaron en auga de castañas, todo cara á galería. É máis, acábase de ver como a oposición lle comprou o discurso a un alcalde que debeu ser reprobado en febreiro por causar danos ás persoas afectadas (mesmo menores) e, en consecuencia, pola deficiente execución das sentenzas.
    • A favor: PP (5).
    • En contra: BNG, Somos Cabanas (2)
    • Abstención: , PSOE, AEC (4)
  • 5. Ratificación Decreto Alcaldía sobre emenda acordo solicitude PMA 2016 da Deputación da Coruña. APROBADO (unanimidade)
  • Corrixiuse un erro de 0,01 € nunha solicitude de subvención á Deputación da Coruña.
  • 6. Cambio denominación sede electrónica (.GAL). APROBADO (unanimidade)
  • A Deputación da Coruña forzou a mudanza do servidor da deputación cabanas.dicoruna.es e da sede electrónica sede.cabanas.es que agora funcionarán como .gal
  • Neste momento, non funciona a recepción dos correos con servidor cabanas.dicoruna.gal (recibe correo só cabanas.dicoruna.es). Pola contra, cabanas.gal redirecciona a cabanas.es, e apenas a sede electrónica ten o dominio galego: sede.cabanas.gal
  • O PP de Germán Castrillón ten unha persoa contratada por máis de 15.000 euros ao ano ao servizo do goberno municipal para bloquear a implantación do dominio .GAL. As funcións que enumerou o alcalde a unha pregunta de Somos Cabanas sobre o seu labor queda demostrado coa xestión de dominios web que non se cumpren.
  • O PP non está polo labor de incorporar o .GAL como portal de acceso xeral e anda con parchiños porque neste caso a Deputación ordenou o cambio.
  • 7. Oposición á LOMCE e ás súas reválidas. Moción BNG. REXEITADA
  • Somos Cabanas apoiou a moción.
    • A favor: PSOE, BNG e Somos Cabanas  (5).
    • En contra: PP (5, desempata o voto de calidade do alcalde)
    • Abstención: AEC (1)
  • 8. Campaña municipal para a retirada do amianto. Moción PSOE. APROBADA (unanimidade)
  • Somos Cabanas apoiou a moción e advertiu sobre o uso de uralita nos edificios municipais de Cardeita (centro de saúde e garaxes) e tamén demandou o cambio das antigas tubaxes de amianto con roturas. Introduciuse unha observación do PP.
  • 9. Apoio proposición de lei para aplicación medidas en materia de réxime local. Proposta Somos Cabanas. APROBADA con lixeiras modificacións
  • A maioría de grupos estivemos de acordo nas complicacións para o concello que creou a lexislación vixente en materia de persoal, contratación, convocatorias de emprego, etc. Cunhas modificacións achegadas polo PP foi aprobada pola maioría dos grupos, inda que AEC non apreciou a importancia para o día a día destas demandas.
    • A favor: PP, PSOE, BNG, Somos Cabanas (10).
    • Abstención: AEC (1)
  • 10. Declaración de municipio oposto ao TTIP. Proposta Somos Cabanas. REXEITADA. 
  • Pretendemos que o Pleno se pronunciase contra a sinatura do TTIP e enumeramos as competencias afectadas polo tratado. Na segunda intervención subliñamos que con este tratado faríase imposible para o concello recuperar servizos privatizados e mais a perda de dereitos laborais das mulleres.
  • Eva García solicitou modificar ou engadir un punto para declarar lesivo o TTIP para o concello e trasladarllo á Mancomunidade para que se pronunciase. Pero o alcalde, con toda a ansia de anular calquera consenso, levou directamente a votación a proposta de Somos Cabanas e non permitiu aclarar a situación. Xosé Manuel mantivo o texto da moción que xa fora rexeitado e aceptou votar á parte o punto proposto por Eva García que foi aprobado coa abstención do BNG.
    • A favor: PSOE, BNG, Somos Cabanas (5).
    • En contra: PP (5, rexeitada co voto de calidade do alcalde)
    • Abstención: AEC (1)
  • Neste punto e sen vir ao caso o PP propuxo crear unha “comisión sobre asuntos que se poden levar a pleno”. Non conformes algúns grupos con limitar as iniciativas de debate agora queren ir máis aló e filtralas a comenencia coma as propostas de xuño de Somos Cabanas que logo lle valeron ao goberno para facer propaganda. O concelleiro de Somos Cabanas advertiu de que ese non era o tema do punto. No desenvolvemento do Pleno comprobamos unha vez máis como para o alcalde todo vale cando son os seus os que se saen do asunto.
  • Parte de control órganos da Corporación
  • 11. Informes da Presidencia
  •  Resolucións da alcaldía
  • 11. Rogos e preguntas. Somos Cabanas: 21 preguntas e 8 Suxestións
  • As suxestións son propostas directas ao goberno, segundo o artigo 97.6 do ROF. Realizamos propostas e iniciativas de control por indicación de veciños e asociacións.
  • Preguntas orais (3)
  • 1. Preguntamos pola situación da auga de Laraxe e o alcalde anunciou en primicia que se podía enganchar.
  • 2. Preguntamos cando ían pintar a saída do xeriátrico con sinalización horizontal para evitar posibles accidentes. O alcalde púxose coma sempre a dar voltas para non concretar.
  • 3. Preguntamos polo tupimento do saneamento en Formarís. Contestou que daría orde á concesionaria de actuar.
  • Suxestións orais (2)
  • 1. Suxerimos a retirada de descargas vexetais na zona de Santa Xiá-Laraxe.
  • 2. Suxerimos actuar na Casa de Roca por semiderrube dun voadizo.
  • Preguntas (18) e suxestións escritas (6)
    1. No anterior Pleno de setembro suxerímoslle ao goberno local que estudara as causas do rebordamento do Oito e tomara medidas para que non se volvan repetir tanto no Oito coma no Barreiro (neste caso polo incremento de pluviais no saneamento). Que medidas concretas adoptará o goberno local para que non se volvan producir rebordamentos no Oito e no Barreiro?
    2. Así mesmo, no anterior Pleno de setembro suxerímoslle ao goberno local que elaborarse un informe sobre as afeccións aos núcleos do Areal, Cardeita, A Torre, Pedreiras, A Rúa, O Feal, O Peón e O Pereiro da nova Lei de Estradas. Encargou o goberno local o informe? Vaillo entregar á oposición antes de que remate o ano?
    3. O valado de obra continúa rodeando o boquete que deixou a rotura dunha tubaxe no parque do Areal. Deberon pasar sobre dous anos e o problema segue sen resolverse. Cando prevé actuar o goberno local para resolver este problema? Pódenos explicar que pasos concretos está a dar o goberno local sobre este asunto?
    4. Un ano máis atopámonos con que a limpeza é unha materia pendente do goberno do PP. Tivemos queixas pola situación do parque da Torre e o seu contorno. Cando vai proceder á limpeza do parque da Torre de Porto e o seu contorno?
    5. Na escola de Porto detectamos que a zona máis próxima ao río está sen rozar, o que se pode converter nun foco de bichería. Cando prevé o goberno local limpar de brouzada o muro contra o río do colexio de Porto?
    6. Case imos facer un ano coa moción de Somos Cabanas aprobada pola Corporación para que se convocasen os postos vacantes por xubilación. Cando prevé o goberno local cubrilos? Hai algunha dificultade que cause un atraso inxustificable?
    7. Unha das demandas que máis nos repetiron as persoas usuarias do areal de Cabanas este verán foi a escaseza de servizos públicos en toda a zona de Costas do Estado. Hai algunha previsión feita polo goberno local para colocar baños públicos móbiles? Con que fin foi colocada unha tubaxe na zona este verán?
    8. Como xa advertimos en pasadas datas o rebose de presuntas augas fecais na zona do Covo parece que está case confirmado despois de detectar saída de restos de retrete durante os pasados meses e nas últimas enchentes. O goberno local resolveu algo para resolver este asunto na praia da Madalena?
    9. Tivemos coñecemento de que a Casa do Teléfono, na vila de Cabanas, ten aberto un expediente relacionado coa limpeza e ornato. Coñécese xa o dono da propiedade? En que situación se atopa o expediente? Que accións concretas ten previstas o goberno local do PP no presente ano 2016?
    10. Sobre as silvas descoñecidas da parcela das Raiolas no Areal, soubemos que Caixabank SA tomou posesión da tenza este pasado 20 de setembro. Tendo en conta esta información, o concello exixiulle ao propietario que limpe e roce a parcela urbana?
    11. Tamén soubemos que o banco malo (Sareb) alegou contra unha orde de roza do goberno local. “. Que actuacións realizará o goberno local respecto desta alegación?
    12. A festa de Santa Marta 2016 tivo un gasto certamente extraordinario: 888,70 € en trofeos. Isto non se corresponde coa imaxe de concello sen recursos que expuxo nos tribunais o señor alcalde. Pódenos detallar cantos trofeos foron encargados e cantos trofeos outorgou o concello?
    1. Sobre o servizo externo de xestión da web municipal que custa 1245 €/mes. Que actualizacións concretas realizou na web municipal a empresa externa desde que está contratada?
    2. Sobre a situación da maquinaria municipal desexariamos saber o seguinte. Cantas avarías sufriu nestes meses a desbrozadora municipal? A canto ascenden as reparacións? Con que procedemento de contratación adxudica o alcalde a reparación desta maquinaria?
    3. Sobre enchentes no saneamento tivemos coñecemento da interposición dun contencioso por danos a propiedades privadas no Areal. Poderíanos explicar que aconteceu para que denuncien ao concello? Controla o goberno local que a concesionaria faga os labores de mantemento?
    4. Nos meses pasados produciuse unha queixa sobre ruídos na zona da praia que non se trasladou á Comisión de Asuntos de Pleno, como xa é habitual. Que motivou a queixa e como resolveu o goberno local esta reclamación?
    5. Produciuse outra queixa sobre unha canalización no lugar da Rúa que tampouco se trasladou á Comisión de Asuntos de Pleno, como é habitual. Que motivou a queixa e como resolveu o goberno local esta reclamación?
    6. Que obra solicitou no pasado mes de setembro o goberno local á Demarcación de Costas no Cantiño, en Chamoso? Autorizou a Demarcación de Costas a actuación?
  • Suxestións escritas
  • 1. Vai aló máis dun ano desde que lle solicitamos o amaño da fonte do piñeiral da Madalena, e calquera cousa por pequena que sexa convértea nun problema de miles de euros para empezar un bucle de nunca acabar. Suxerímoslle amañar un ángulo roto na fonte do piñeiral da Madalena para o uso desta fonte municipal no inverno.
  • 2. Sobre as obras de reposición do saneamento no Batán detectamos unha serie de deficiencias pero a que máis nos chamou a atención foi que as obras non deixan desaugadoiro no camiño para a fonte do Batán. Deste xeito, suxerímoslle ao goberno local que amañe a fonte do Batán (actualmente sen auga) e manteña o desaugadoiro que había no camiño para as súas augas.
  • 3. En pasadas datas avisáronnos os veciños da vila de Cabanas que a rúa de Abaixo, xusto derriba do camiño do Castro sofre unha rotura progresiva que adianta un esborrallamento semellante ao de Fontao. Suxírolle ao goberno local que elabore un informe para avaliar o esgazamento nesa altura da rúa de Abaixo en Cabanas co fin de elaborar un proxecto e actuar na zona á maior brevidade.
  • 4. Suxírolle ao goberno local que inicie un repaso de fochancas e rebachee inmediatamente moitas pistas que se van deteriorar coa chegada do inverno.
  • 5. Suxírolle ao goberno local que inicie un repaso de canetas de auga e as repare antes do inverno.
  • 6. Suxírolle ao goberno local que faga atestado da policía local do camiño de Ventín e se dirixa aos maderistas que realizaron saca de madeira nese camiño da parroquia de Laraxe para que reparen os danos causados e que dificultan o tránsito.

1 Response

  1. 19 Xullo, 2017

    […] proxecto foi aprobado no pleno de outubro de 2016, co ditame favorable de todos os grupos na Comisión, pese a escoitar que o informe do arquitecto […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *