Resumiño do Pleno ordinario de maio de 2016

Este pleno de maio foi dos máis lixeiros da lexislatura. O forte encontronazo no pleno anterior entre o alcalde do PP e Xosé Manuel de Somos Cabanas que denunciou a lei do embudo nos plenos, serviu para que se moderase a situación a pesar da pasividade da oposición. Non obstante, a Valedora do Pobo xa reclamou explicacións ao alcalde por vulneración de dereitos básicos ao edil de Somos Cabanas. Os regulamentos pouco valen con este alcalde.

No debate había dúas propostas xenéricas da oposición e o goberno levou unha proposta para subvención pendente de dotación económica porque non hai partida.

Ao remate da sesión, a participación directa dos veciños non agarda por regulamentos e consolídase despois de catro sesións ordinarias. Tres veciñas e dous veciños tiveron a palabra para expoñer asuntos locais, o que contrasta coas propostas políticas xenéricas que traen por sistema algúns partidos. A primeira falou sobre a execución do Penso á vista de que o alcalde nos pode facer gastar dobre por incumprir a sentenza, non faltaron momentos de nerviosismo e acusacións por parte do PP. A segunda veciña reiterou preguntas sobre este mesmo tema, ao igual que outro veciño sen que o alcalde ofrecese respostas consistentes. O cuarto veciño en intervir solicitou explicación á oposición por negarse a poñer unha carpa para a festa de Cabanas. Mentres a oposición amosou a súa sorpresa e descoñecemento do caso, o alcalde non se lle escoitou ningunha explicación. A quinta veciña propuxo a limpeza dun camiño en total abandono. Somos lexión! Hai marea!

Parte resolutiva

Non asistiu o portavoz do PSOE Delfín Feal por motivos persoais

  • 1. Acta da sesión de marzo de 2016. Asentimento (10). APROBADA
  • Acta de marzo de 2016
  • 2. Solicitude subvención equipamento e mellora de instalacións culturais. A favor (9), abstención 1 (Somos Cabanas). APROBADA.
  • Texto da proposta. Secretaría advertiu de que faltaba o proxecto do arquitecto municipal.
  • Somos Cabanas abstívose porque non había no expediente proxecto do arquitecto municipal para a supresión de barreiras arquitectónicas.
  • 3. Recuperación do servizo de noitebús. Proposta concelleiro BNG
  • Texto da proposta. Inda que o propoñente insistiu en recuperar a liña de Pontedeume a Miño, fóra do concello, votamos a favor porque a idea xeral está ben. REXEITADA
    • A favor: PSOE, BNG, Somos Cabanas (4).
    • En contra: PP (5)
    • Abstención: AEC (1)
  • 4. Dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, intersexuais.  Proposta concelleiro BNG
  • Texto da proposta. REXEITADA
  • Declaración institucional. Aceptada por asentimento
  • O debate desta proposta xenérica centrouse novamente en se entra dentro das competencias municipais. Somos Cabanas apoia os dereitos e a igualdade das persoas LGTBI en todos os ámbitos.
    • A favor: PSOE, BNG, Somos Cabanas (4).
    • En contra: PP (5)
    • Abstención: AEC (1)
  • Parte de control órganos da Corporación
  • 8. Informes da Presidencia
  • a) Resolucións da Alcaldía
    b) Informe da liquidación do orzamento de 2015
    c) Informe MINHAP liquidación 2015
    d) Informe MINHAP 1ºT 2016
  • 9. Rogos e preguntas. Somos Cabanas: 19 preguntas e 3 Suxestións
  • Lembramos que as suxestións son propostas directas ao goberno, segundo o artigo 97.6 do ROF. Un pleno máis superámonos en propostas e iniciativas de control.
  • Preguntas orais (3)
  • 1. Na última corta do piñeiral o Concello dedicouse a facer filigranas curiosas, á parte de que o concello solicitou cortar sesenta árbores e o alcalde contestou no Pleno que tallou trinta e pico. Como teñen que facer os chiringuitos para que o concello lles corte os piñeiros e así ampliar as terrazas? Contestación do alcalde: pasa palabra.
  • 2. Sobre a Casa de Xan Ares criticamos a actuación electoralista do alcalde erguendo trolas contra a oposición. Vendo en que deriva todo isto preguntamos coa nosa proposta sobre da mesa. O Concello vai garantir a seguridade e a rehabilitación da casa de Xan Ares? Contestación do alcalde: Non dixo tal, insistiu nas multas aos propietarios e pediulle ao concelleiro de Somos Cabanas (como se fose o alcalde!) que lle indicase que informe ten que facer secretaría.
  • 3. Comprobamos nos decretos da alcaldía que houbo unha audiencia sobre os chalés ilegais do Pombal, algo que soa moi deminonónico. En que consiste este procedemento? Quen o solicitou e que resultado tivo. Contestación do alcalde: os afectados e está pendente de resolver.
  • Suxestións orais (2)
  • 1. Pasaron tres meses desde que unha veciña lle solicitou ao alcalde na rolda de participación do Pleno o amaño dunha farola. Desde abril xa se fundiu a segunda e chegamos a este pleno sen amañalas, unha tomadura de pelo máis. Suxerimos que ordene a reparación das farolas fundidas no camiño da Igrexa á Torre en Porto.
  • 2. En relación aos roubos e falta de iluminación na zona comercial do Areal, xunta a librería Xicos, reitérolle seis meses despois con poucas esperanzas de que faga algo, a suxestión para retirar o colector de papel e que xestione a colocación de farolas no poste da eléctrica de Cabanas.
  1. Terceira cuestión sobre o cambio de sentido do xeriátrico de Laraxe, a ver se insistindo se deixa de escorrer o vulto, porque seguen sen solucionarse os problemas. Dá a impresión de que cando contesta faino desganado. Pois ben, tomei nota da súa explicación sobre as normas de tráfico pero así a todo non aclarou por que non existe liña de límite de pavimento na saída do xeriátrico. Se o concello marcou unha liña límite de pavimento no camiño da serra como non defende o mesmo criterio para o caso do xeriátrico? Vai actuar e/ou comunicar as deficiencias na sinalización desta intersección ou vai seguir dando voltas sen solucionar o problema tres meses despois de que llo expuxen neste Pleno?
  2. As sentenzas do Penso son claras e diáfanas, os criterios sobre cumprimentos de sentenza firme do Tribunal Supremo tamén tal e como lle achego na sentenza anexa. Logo o que fai e interpreta o alcalde sobre este asunto á fronte do Concello é política ficción. Que valoración fai o rexedor desta sentenza do Tribunal Supremo que senta xurisprudencia desde a pasada década? Se segue crendo despois de lela que o PXOM ten algo que amañar nas sentenzas do Penso pode o alcalde concretar que e explicarnos por que en nove anos de goberno non foi quen de amañar?
  3. No camiño das Viñas, xusto no medio da costa, hai un afondamento do camiño. Ten coñecemento o goberno local deste perigo? Que solución vai adoptar e cando?
  4. Neste mes de maio, o alcalde non convocou Comisión de Asuntos de Pleno incumprindo o acordo do Pleno de organización. Neste sentido, pregunteille por que non se trataban as queixas dos veciños nesta Comisión e non hai resposta do alcalde. Por que o alcalde non convocou Comisión de Asuntos de Pleno no presente mes? Por que o rexedor non traslada as queixas veciñais á Comisión?
  5. Falando de queixas que non chegaron á Comisión de Asuntos de Pleno tivemos coñecemento de que hai aberto un contencioso administrativo en Ferrol por inundacións no Areal. A deficiente situación das recollidas de pluviais e do saneamento no Areal está traendo problemas desde hai bastante tempo. Pódenos explicar que acontece e cal é o motivo da causa contencioso-administrativa sobre inundacións no Areal? Que informe lle require o xulgado ao concello?
  6. Ao rematar o anterior Pleno da Corporación, tivemos coñecemento dun caso máis de falta de potabilidade da auga municipal o que representa un incumprimento de contrato, así mesmo nos pasados meses queixámonos dos cortes que fai a concesionaria sen aviso previo. A concesionaria debe poñer en coñecemento da poboación e/ou do Concello esta situación de incumprimento, as medidas correctoras e preventivas previstas, a través dos medios e na forma que considere máis axeitada, de acordo coa autoridade sanitaria, para evitar calquera risco que afecte a protección da saúde. O concello ten coñecemento de incidencias de potabilidade no servizo de abastecemento de auga nestes últimos meses? Realiza inspeccións co fin de detectar deficiencias? Que resultados presenta o último informe de Augas de Galicia sobre a EDAR da Macuca?
  7. O camiño que vai ás Modias, xusto antes do Muíño de Cabalo sofre o mesmo proceso de rotura e deterioración que o vial de Fontao. Considera o goberno local que o pegote de chapapote que dispuxo no mes pasado vai evitar o previsible varremento? Redactou algunha memoria para analizar e darlle solución ao problema? No caso de tela redactada coñece a canto ascendería o aseguramento do camiño?
  8. En pasadas datas venceu o contrato de alugueiro do apeadoiro de Cabanas que o concello tiña asinado con Adif. O goberno local vai renovar o alugueiro do apeadoiro de Cabanas nas mesmas condicións que tivo ata agora?
  9. Desde fai dous plenos vímoslle preguntando pola vixencia da acta entre o Concello e a Demarcación de Carreteras de 19 de decembro de 1983 e confirmou que nin trasladou a consulta técnica. Pódenos contestar a pregunta pendente de marzo e abril na presente sesión? Quen determina as aliñacións nas vías urbanas? Está a ceder o goberno local os bens e inmobles de Cabanas ao proxecto do Ministerio de Fomento?
  10. O alcalde asegurou meses atrás que o proxecto de humanización da N-651 se estaba a adaptar á nova Lei de Carreteras. Cal é a situación do proxecto de mellora da N-651? No caso de que chegue ao Concello exporase ao público? Por que non cumpre o acordo do Pleno sobre o anterior proxecto?
  11. Sobre a xestión da demolición do Penso soubemos que lles chegaron recibos de servizos a propietarios. Quen se encarga de dar de baixa todos os recibos dos pisos afectados pola demolición?
  12. Nese mesmo asunto, o Pleno ordenou en decembro, nun prazo de dez días amplamente superado, que o arquitecto municipal emitise informe sobre unha serie de cuestións técnicas do expediente patrimonial. Que motivou o atraso de catro meses na redacción dese informe do arquitecto municipal?
  13. Neste mes produciuse un accidente que levou por diante o semáforo do Areal. Hai valoración dos danos causados? Canto vai pagar o seguro do vehículo para repoñer o semáforo destrozado?
  14. Augas de Galicia abriu expediente sancionador ao Concello de Cabanas por verteduras en Vilar do Colo sobre a canle do río Baa. En que situación se atopa o expediente e a canto ascende a proposta de multa?
  15. A Valedora do Pobo fíxolle o pasado 27 de abril de 2016 un recordatorio sobre a caducidade na solicitude de informe referente a expediente de reposición da legalidade das obras no Pombal. Vaille dar resposta ao requirimento desta institución?
  16. Nesa mesma data de 27 de abril de 2016 chegou o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cabanas aprobado inicialmente en 2014. Que novidades achega respecto do avance de informe anterior? 

SUXESTIÓN

  1. No solar das Raiolas, ao carón da parada de taxis no Areal, o responsable parece que non se fai cargo da limpeza. Suxírolle ao concello que realice a limpeza.

You may also like...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *