Resumiño do Pleno ordinario de febreiro de 2017

A sesión ordinaria do Pleno tivo lugar o 24 de febreiro e tivo entre os acordos importantes a incorporación de servizos achegados desde Ferrol a través da mancomunidade como a casa de acollida, tratamento de drogodependencias e refuxio de animais. Por outra banda, comprobouse como o PP volve recorrer a apoios puntuais para sacar adiante propostas concretas. Neste caso elixiu co apoio do PSOE un xuíz de paz marcado pola relación familiar cun concelleiro do Partido Popular.

Neste pleno a veciñanza realizou unha pregunta para denunciar que o concello aínda non pagou nin a auga nin a luz dos alugueres pola derruba do Penso.

CONVOCATORIA DO PLENO

Parte resolutiva

1.- Aprobación se procede de acta de sesión anterior. Outubro 2016. TODOS A FAVOR

2.- Convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol para mellora servizo da casa de acollida de Ferrol. TODOS A FAVOR

3.- Proposta Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol sobre saneamento refuxio de animais. TODOS A FAVOR

4.- Liquidación Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol sobre servizos prestados pola Asociación Ferrolá de Drogodependencias en 2016. TODOS A FAVOR

5.- Elección xuíz de paz titular de Cabanas

A votación foi secreta, en urna. Os resultados evidencian o pacto soterrado PP-PSOE para a elección como Xuíz de Paz do primo segundo do concelleiro Javier Fernández. 

D. Garrote 7 votos

A. Penín 1 voto

M. Ares 1 voto

S. Díaz 1 voto

Branco 1 voto

6.- Praga da couza guatemalteca. Proposta concelleiro do BNG.

Segundo puido saber o concelleiro da marea local na Comisión os grupos quedaran en facer unha declaración institucional. Así, o alcalde achegou o martes 23 esta declaración institucional que foi revisada polo BNG neste texto de eclaración institucional. O concelleiro da marea local optou por alegar motivadamente os seus desacordos, revisións e observacións no seguinte texto Declaración institucional Somos Cabanas.

A “proposta de consenso” chegou o mércores e foi confeccionada desde a alcaldía. Non recolleu as obxeccións da marea local na proposta de consenso. O concelleiro da marea local non deu o “OK” a esta proposta de consenso porque se calcaba no texto a contestación dada no Parlamento pola conselleira de Medio Rural ese mesmo día pola mañá, o que de feito convertía a declaración nunha chufa á Xunta. 

Á vista desta situación, Xosé Manuel Pérez Sardiña expuxo o problema desde o punto de vista da cidadanía local:

– Primeiro caso: hai 15 anos nos Alimpadoiros e na cabeceira de Fontao, na parroquia de Cabanas. Desapareceu sen deixar rastro, Galicia non ten un clima benigno para esta praga de aí a propagación lenta da infestación.

– Segundo datos directos de tratoristas que realizan a sementeira e a apaña nas parroquias de Laraxe, Porto e Cabanas apareceu de novo o verme da pataca hai 4 ou 5 anos.

– Eses mesmos tratoristas coinciden en que 2016 deu un salto cualitativo na infestación dos patacais, chegando a un 80% de produtores afectados nesas parroquias.

– A infestación tamén chegou anecdoticamente a Irís e Pedra do Couto en 2016, e tamén se detectou en Ombre que curiosamente non vai ter limitación ningunha segundo os datos da Xunta, unha mostra máis da improvisación á hora de loitar contra esta praga. De feito, hai veciños do concello que van facer a planta no concello veciño. A xente busca a vida porque xa saben que agardar polas administracións e polos debates políticos é como respirar gases de soldadura de rutilo.

– Como se poido chegar ata aquí? Que medidas adoptaron as administracións competentes para evitar unha infestación progresiva en 4/5 anos no concello?

–  Só a sociedade civil pode facer fronte a esta situación, as administracións ocuparanse de xestionar problemas colaterais como viñeron facendo ata o de agora.

O voceiro do PSOE cambiou a posición do seu grupo na Comisión informativa e opúxose á declaración institucional. Criticou a actuación da Xunta e puxo en dúbida a intervención do concelleiro da marea local. Unha posición incoherente, a todas luces, e que merecía maior explicación.

Fóra da intervención do concelleiro da marea local non houbo ningunha referencia á situación concreta de Cabanas. O PP saíu do Pleno sen explicar os motivos da inclusión de Cabanas na zona de prohibición e chegoulle con acordar a declaración con BNG e AEC.

SEN VOTACIÓN

7.- Plan único Deputación da Coruña. Proposta grupo Popular.

A intervención do concelleiro da marea local foi a seguinte:

“Esta proposta do Partido Popular caracterízase polo oportunismo e polo dirixismo do presidente do PPdeG na Coruña, Diego Calvo, o subdelegado de Rajoy en Galicia. Apostamos pola supresión das deputacións provinciais e o reparto das súas competencias e persoal entre Xunta e agrupacións de concellos. Os fondos da Deputación pódense repartir entre os concellos da provincia de xeito proporcional á poboación, cun factor corrector para os concellos pequenos, pero para iso hai que ir máis aló de plans concretos e tamén distribuír as subvencións discreccionais que por exemplo publican estes días no BOP para servizo dos partidos de goberno. Dá igual quen entre que acabarán caendo nos erros intrínsecos a organismos deseñados con fins á marxe do control democrático. A guinda das deputacións son os organismos paralelos nos que fan e desfán sen límites. Polo tanto, son institucións innecesarias e cómpre a súa supresión.

Agora ben, lendo reparadamente esta proposta, o Partido Popular descobre as súas intencións ocultas. Queren andar o camiño do caranguexo e facer da Deputación da Coruña un niño de caciquismo. Din na proposta que son cousas entre alcaldes e goberno provincial. Queren afogar o control do Pleno e blindar a nula capacidade de control da cidadanía sobre subvencións que se distribúen segundo seña máis ou menos amigo. O Pleno dos concellos queda de convidado de pedra aos banquetes que se amañen. Por iso votaremos en contra da proposta do PP, porque é unha máis das trampulladas a que nos teñen afeitos. Teñen moito que criticar das deputacións, pero coma sempre vano facer con aquilo que lles complica un chisquiño os privilexios.

En conclusión, quen vote a prol desta proposta non fai máis ca asegurarlle ao PP o negocio cos servizos públicos e para iso, nada mellor que a través de institucións que nin son de elección directa nin teñen mecanismos de control cidadán”.

Neste punto, o PSOE mudou de voto da comisión (a favor) ao Pleno (en contra).

A favor: PP

En contra: PSOE, BNG e Somos

Abstención: AEC

Parte de control órganos da Corporación.

8.- Informes da Presidencia.

  1. a) Resolucións da Alcaldía.
  2. b) Informe trimestral sobre PMP 4°T/2016.
  1. Rogos e preguntas.

Preguntas orais de Xosé Manuel Pérez Sardiña

  1. Poderíanos explicar como negociou o alcalde os orzamentos para 2017 cos grupos políticos municipais? A quen chamou? Cales foron os principais pactos?
  2. Houbo varias resolucións sobre os chalés de Cardeita. En que situación se atopan as obras dos chalés de Illa Mourón?
  3. Cantos expedientes de reposición da legalidade caducaron no que vai de lexislatura?

Suxestión oral

  1. Suxírolle ao goberno local que retire o lixo abandonado desde hai dous anos no Portiño, parroquia de Irís, xusto debaixo da ponte da autopista.

Preguntas escritas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *