Resumiño do Pleno extraordinario de xullo de 2017

Pleno visto e non visto, a marea local impugnou unha vez máis a nefasta xestión do Penso. Criticou a xestión do goberno local e amosou a súa sorpresa polas posicións cambiantes dos grupos da oposición respecto deste asunto que non só é presente, senón que poderá persistir no futuro por deficiencias advertidas en varios informes municipais (que coñece toda a Corporación).

O proxecto foi aprobado no pleno de outubro de 2016, co ditame favorable de todos os grupos na Comisión, pese a escoitar que o informe do arquitecto municipal ditamina que non cumpre a sentenza. En decembro, o pleno acordou abrir o expediente de contratación que rematou coa adxudicación este 13 de xullo de 2017 ás 8.30 h da mañá, pola vía da urxencia (“por exixencia do tribunal” segundo afirmou o alcalde sen achegar ningún escrito que o motivase).

1. Ratificación da urxencia. APROBADA. A favor: PP, AEC. Abstención: PSOE, BNG. En contra: Marea

2. Adxudicación licitación obra “Execución sentenza recurso contencioso – administrativo 02/0004055/1993, edificio O Penso 2ª fase”.

A favor: PP, PSOE, AEC; abstención: BNG. En contra: Marea

O voceiro da marea local marcou o obxectivo de seguir poñendo negro sobre branco neste asunto e lembrou a proposta de reprobación do alcalde por iniciar as obras da primeira fase con menores dentro do edificio. Considerou o rumbo tomado polo alcalde como equivocado, prexudicial para veciños e non acorde á sentenza, e lamentou as posibles consecuencias dun revés xudicial, advertido en diferentes informes técnicos municipais.

Despois dos clásicos ataques persoais do alcalde ao portavoz da marea, este retrucoulle con que prometera en 2007 resolver o problema do Penso e dez anos despois seguía con el arrastro. Aclarou que o obxectivo da marea local será “cumprir a sentenza”, todo o contrario das voltas que dá o alcalde. E rematou advertindo que non era unha situación normal dado o escurantismo do goberno local e “quen non o denuncie é cómplice”.

Vídeo:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *