Orzamentos 2017. Resumiño do Pleno extraordinario de 31 de decembro de 2016

Ás 10 da mañá do 31 de decembro, celebrouse o pleno extraordinario para aprobar o Orzamento do Concello de Cabanas para 2017 e 3 asuntos de última hora máis para o seu debate. Foi un orzamento tramitado a carreiras e en plenas festas do nadal, coa clara intención de entorpecer o labor dos grupos políticos. Con todo, a marea local realizou o traballo de consultas veciñais durante todo o ano e non deixou os deberes para o último momento.

O concelleiro de Somos Cabanas participou na presentación do orzamento en Xunta de Portavoces o 23 de nadal e anotou a asignación de 100.000 euros que o alcalce inicialmente expuxo como de libre disposición. Pedir propostas, no momento, cando inda non se pode analizar a distribución de gastos e tampouco o estado de execución do exercicio en curso non concordaba coa proposta presentada por Somos Cabanas un mes antes e que o PP tumbou para seguir facendo e desfacendo sen control ningún.

Na Comisión de Facenda do día dos Inocentes, o concelleiro de Somos Cabanas non poido presentar propostas ao estar de oínte e a única vía que quedaba para achegar modificacións era a través de emendas ao Pleno. Deste xeito, a marea local propuxo modificar o destino de case 200.000 euros empregados en gastos innecesarios.

  • 1. Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Cabanas. APROBADA. En exposición pública.
  • Mira tamén a RPT de 2009
  • O alcalde de Cabanas propuxo aplicar un novo complemento ao posto de traballadora social pola “perigosidade, toxicidade e penosidade que supón facer un seguimento das persoas dependentes ou do Punto de Atención á Infancia”.

    A improvisación da proposta quedou en evidencia cando desde secretaría se lle advertiu ao alcalde que a contía de 76 € que querían aprobar correspondía a 2006 e sería conveniente actualizala a 82 € para 2017. O concelleiro de Somos Cabanas manifestou así mesmo a súa contrariedade porque tampouco aparecía ningún documento que acreditase o proceso de negociación colectiva, preceptivo por lei, o alcalde contestou que o goberno levou a proposta á mesa de negociación colectiva e Xosé Manuel reclamou o acordo por escrito antes de votar. Nin caso, o alcalde tiña apuro por sacar o asunto de diante.

  • O concelleiro de Somos Cabanas apuntou a que se debería iniciar un proceso de negociación colectiva da Relación de Postos de Traballo á parte de que o complemento aplicado tampouco é acaído xa que a traballadora social ten funcións sen valorar que se encadrarían mellor nun complemento de posto. Estes motivos leváronnos a absternos na votación.

    • A favor: PP, AEC, PSOE (9).
    • Abstención: BNG, Somos Cabanas (2)
  • 2. Orzamento municipal para o 2017. APROBADO.
  • Documentación xeral: Ingresos, Gastos, Bases de Execución. Exposición pública.
  • Documentación reclamada por Somos Cabanas:
    Estado de execución de ingresos, estado de execución de gastos
  • Emendas e investimentos de Somos Cabanas. Somos Cabanas xa presentou emendas aos orzamentos de 2016 que foran rexeitadas polo PP.
  • Nunha semana trufada de festivos, o alcalde tramitou o orzamento, con convocatoria urxente da Comisión de Facenda incluída e asuntos de último momento por sorpresa. Grandes doses de improvisación precederon este Pleno das Uvas. O traballo de propostas de Somos Cabanas no Pleno durante todo o ano non foi recollido polo goberno, cuestión que puxo de relevo Xosé Manuel Pérez Sardiña.
  • Iniciado o punto, o alcalde mudou sen previo aviso a distribución das intervencións facendo máis difícil expoñer a opinión sobre o orzamento e sobre as emendas nun totum revolutum co único fin de dificultar o diálogo e o debate pausado que require o documento anual máis complexo para a Corporación. As bases de execución e o informe de secretaría recibíronse antes de comezar a sesión o que atrasou tamén a achega das emendas e propostas de investimentos.
  • As emendas de Somos Cabanas consumiron por decisión unilateral do alcalde a primeira quenda de intervencións e apenas quedou unha segunda para debater o orzamento sen opción a réplica na que o alcalde cortou o uso da palabra ao concelleiro da marea local, que só tivo esta oportunidade para fixar a súa posición política con coñecemento de todo o expediente. Nas intervencións os grupos do PP, PSOE e AEC tiveron dúas quendas para expoñer o seu parecer sobre os orzamentos no seu conxunto. Así mesmo, a marea local achegou por correo electrónico a todos os portavoces as emendas unha hora antes do comezo do Pleno (inda que a lei permite presentalas xusto antes do comezo do asunto).
  • A votación das emendas non respectou a singularidade e motivación de cada unha e decidiuse irregularmente a través dunha votación que non pode suplir os dereitos á participación nos asuntos públicos dos concelleiros, claramente vulnerados polo alcalde o que mereceu unha protesta en acta do concelleiro da marea local. Votamos a favor das emendas do compañeiro do grupo mixto nalgún caso por recoller emendas de Somos Cabanas no pasado orzamento e noutros por solidariedade máis ca por concordancia coas propostas concretas de trasvase ou actuación que mesmo coinciden parcialmente con prioridades do goberno local.
  • No apartado de emerxencia social, Somos Cabanas incluímos 20.000 € para loita contra os cortes de luz, a pobreza enerxética e bens básicos co fin de coordinar nunha soa partida as axudas a familias vulnerables economicamente. Advertimos que sen o estudo de familias en situación de vulnerabilidade proposto por Somos Cabanas, o goberno local seguirá coa venda nos ollos e executará menos do 50% da partida coma en 2016.
  • No apartado de investimentos reais concretamos nove actuacións de saneamento, abastecemento e aglomerado ou reparación de viais municipais, así mesmo dotámolos a maiores de case 100.000 € para a súa execución á espera do que comunique a Deputación nos Plans provinciais.
  • Tamén dotamos de 30.000 € a partida para substitución das vellas canalizacións de fibrocemento, prexudiciais para a saúde dada a súa antigüidade.
  • E propuxemos unha partida de 28.800 € para coidado do patrimonio cultural inventariado nas Normas Subsidiarias, catálogo no que tamén quixemos incluír os bens do Plan Xeral en trámite.
  • Os gastos innecesarios dos que detraemos recursos sen cargar máis en impostos son os seguintes:
  • – 3 asesorías innecesarias: xurídica, informática e comunicación (nova). Máis de 400.000 € gastados en nove anos do PP.
  • – Soldos e asignacións innecesarios (soldo e seguridade social do alcalde a tempo parcial e asignacións por xunta de delegados)
    – Servizos non esenciais (paseos en gamela que sexan financiados por outras administracións) e externalizacións non xustificadas (roza e mantemento da Veiga, do parque do Areal ou do areal da Madalena, limpeza de edificios públicos, etc.)
    – Propaganda e atencións protocolarias
  • – Optimización dos gastos da Festa de Santa Marta
  • As emendas de Somos Cabanas foron obviadas polo PP, mentres o PSOE cualificounas de “demagóxicas” como antesala á abstención cómplice. O BNG chamou ao consenso na súa proposta de soldo para o alcalde e AEC dixo que atendería as propostas de Somos Cabanas no que respecta á área de Servizos. Somos Cabanas exerceu os seus lexítimos dereitos de proposta e participación e argumentou en detalle o porqué de cada modificación, como o leva facendo con todas e cada unha das súas propostas, e fixo un chamamento á oposición a deixar os debates menores para conformar unha alternativa ao Partido Popular nucleada en acordos que teñan como protagonistas da acción de goberno aos veciños e veciñas.
  • Podes ver a segunda intervención aquí:
  • Os resultados das votacións foron os seguintes:
  • Emendas Somos Cabanas
    • A favor: BNG e Somos Cabanas (2)
    • En contra: PP e AEC (6)
    • Abstención: PSOE (3)
  • Emendas BNG
    • A favor: BNG e Somos Cabanas (2)
    • En contra: PP e AEC (6)
    • Abstención: PSOE (3)
  • Orzamento:
    • A favor:  PP e AEC (6)
    • En contra: BNG e Somos Cabanas (2)
    • Abstención: PSOE (3)
  • 3. Modificación contrato persoal axuda no fogar. APROBADA por unanimidade
  • As cinco auxiliares de axuda no fogar pasan a ter contrato temporal a tempo completo. Somos Cabanas lamentou que coa Lei de Dependencia se promovese a contratación externa do servizo e se perdese a oportunidade de promover como laboral fixo estas persoas, así mesmo criticou os contratos a tempo parcial na área de servizos sociais.
  • 4. Expediente de contratación da execución da sentenza do recuso contencioso-administrativo 02/0004055/1993, do Edificio O Penso 2º fase. APROBADA só cos votos do PP
  • Antes de iniciar a intervención, Xosé Manuel espetoulle ao alcalde que o Pleno “non é o seu cortello particular” ao servizo dos “bailes e as vainas” dun presidente que se dedica a interrompen constantemente as roldas de debate, deixar facer cando lle convén ou modificar as regras ao seu antollo sen previo aviso.
  • O concelleiro de Somos Cabanas exhortou ao PP a que rectifique o mal feito neste asunto e cumpra a sentenza tal e como manifesta o informe do arquitecto municipal. Vaise contratar un proxecto que non cumpre a sentenza e por iso o concelleiro de Somos Cabanas pediu que quedase sobre da mesa, o alcalde non levou a cabo a votación correspondente e seguiu para diante.
  • Nove anos despois de que Germán Castrillón prometera enterrar o tren e solucionar o Penso nada máis entrar na alcaldía, o PP segue a darlle voltas a un asunto que corre o risco real de complicarse para os veciños e veciñas e para o Concello. O alcalde tratou de derivar a atención para asuntos con solucións que non son de hoxe para mañá e moito lles queda co seu goberno para que poidan solucionarse satisfactoriamente para a veciñanza.
  • O PP volveu quedar só neste asunto.
    • A favor: PP (5).
    • En contra: BNG, Somos Cabanas (2)
    • Abstención: PSOE e AEC (4)

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *