A marea propón sumarse á campaña Concellos en negro contra a violencia machista

A violencia machista é unha expresión extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella. Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 en España.

Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, Somos Cabanas presentou unha proposta de adhesión do Concello de Cabanas a unha campaña que se difunde “en máis de 60 concellos e de 3.000 establecementos en toda Galicia”.

A acción consiste en tinguir de negro o Concello a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Dende Somos Cabanas consideran que hai que traballar contra esta lacra dende todas as administracións, hai moito que facer e moitas mans que unir para evitar que unha muller sufra un minuto máis polo feito de sela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *